Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez do Penedo Teimporta ao borde das finais no Campionato do Mundo junior-sub23!!

Hoxe tiveron lugar as mangas das semifinais do Campionato do Mundo junior e sub23 de slalom na canle de Ivrea (Italia). Nelas tanto Ainhoa Lameiro como Daniel Pérez do Penedo Teimporta buscaron o seu pase a final con dúas boas actuacións nas que a mala sorte os arredou dos ansiados postos finalistas:

O primeiro en competir foi Daniel Pérez; o de Alxén ía realizando unha manga limpia e de gran rapidez ata a última parte do recorrido, onde penalizou con 4 segundos sobre o seu crono final, logo de tocar dúas portas. Rematou deste xeito o seu descenso co mellor tempo pero coa 11ª puntuación debido a estes dous toques, separando a Daniel Pérez das finais tan só 7 centésimas de segundo.

A segunda en competir foi Ainhoa Lameiro, a cal, de xeito similar a Daniel, ía realizando unha gran baixada ata a última manobra do recorrido onde, un desafortunado volco, lle fixo perder a de Salceda moitos e valiosos segundos arredándoa ata a 13ª posición.

Aínda non sendo o resultado que agardaban os nosos campións, Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez obtiveron as posicións 13ª e 11ª do mundo en categoría sub23 respectivamente, enchéndonos esto de orgullo, tanto ao slalom nacional, como galego como ao noso humilde clube e non podemos máis que agradecer tan digna e valiosa representación, grandes rapaces!!!!

Tanto Daniel como Ainhoa, logo de demostrar neste e noutros eventos internacionais o seu gran momento, saben o dura que a alta competición resulta e, sen que decaia o ánimo nin o máis mínimo, xa teñen as vistas postas nos próximos eventos internacionais.

A seguir nesta liña rapaces!! De seguro que para a próxima a sorte axudará un pouco máis!!!